Blog

Saúde no mar: enfermidades profesionais do sector pesqueiro

O traballo no mar é un dos máis duros e esixentes. As longas xornadas, o clima extremo e o esforzo físico constante poden pasar factura ao corpo e á mente. Ademais dos accidentes que poden ocorrer a bordo, atopámonos con enfermidades profesionais ligadas ao sector. Neste artigo trataremos de contarche todo ou que necesitas saber sobre elas.

Sabes diferenciar entre accidente e enfermidade? No primeiro caso o dano para a saúde preséntase dunha forma brusca e inesperada (un golpe, unha caída, un atrapamento cun equipo de traballo…) mentres que no segundo, o dano constitúeo unha deterioración lenta e paulatina da saúde producido por unha exposición crónica a condicións adversas durante a realización do traballo (exposición a produtos químicos, realización de movementos repetitivos etc.).

Características dunha enfermidade profesional

Para ser considerada enfermidade profesional, debe reunir estas características:

  • Contraída durante o traballo efectuado por conta allea ou propia se o autónomo cotiza por esa continxencia.
  • Orixinada pola exposición a unhas substancias ou axentes determinados.
  • Durante a realización dunhas actividades determinadas.
  • Recollida no Real Decreto 1299/2006 e as súas modificacións posteriores.

Establécense diversos grupos de enfermidades profesionais: causadas por axentes químicos, físicos, biolóxicos, por inhalación de substancias, da pel e axentes carcinóxenos.

Trastornos musculo-esqueléticos: principal doenza na pesca

Os trastornos musculo-esqueléticos (TME) relacionados co traballo son o problema de saúde máis común en España e en Europa. Así, dun total de 22.655 enfermidades profesionais recoñecidas en España en 2018, máis de 18.200 englobaríanse dentro dos trastornos músculo-esqueléticos.

En concreto, no sector da pesca e do marisqueo, hai factores crave que incrementan os problemas de TME: aplicación de forzas, posturas forzadas e movementos repetitivos, longas xornadas de traballo sen realizar pausas e o uso de ferramentas manuais.

Para que unha enfermidade considérese profesional ten que cumprir dous requisitos. Primeiro, poder demostrar que no traballo danse de maneira habitual un ou varios dos factores causantes e, segundo, estar incluída no mencionado R.D. 1299/2006 de enfermidades profesionais.

Lista de enfermidades recoñecidas como profesionais para mariscadoras e redeiras

  • Túnel carpiano
  • Patoloxía tendinosa crónica do manguito rotador
  • Epicondilite e epitrocleíte
  • Tendinite de Quervain
  • Tenosinovite estenosante dixital (dedo en resorte)
  • Tenosinovite do extensor longo do primeiro dedo
  • Síndrome de compresión del ciático popliteo externo
  • Parálise do nervio radial por compresión do mesmo
  • Bursite crónica das sinoviais ou dos tecidos subcutáneos nas zonas de apoio dos xeonllos
  • Arrancamento por fatiga das apófises espiñentas
  • Síndrome da canle epitrocleo-olecraniano por compresión do nervio cubital no cóbado
  • Síndrome da Canle de Guyon por compresión do nervio cubital na boneca
  • Parálise dos nervios do serrato maior, angular, romboides, circunflexo
  • Enfermidades infecciosas e parasitarias non contempladas noutros apartados: micose, lexionella e helmintiase

Para outros colectivos da pesca cuxo traballo implique a realización de movemento repetitivos, adopción de posturas forzadas e o uso da forza, con ou sen manexo de ferramentas (mariscadores/as á boia, percebeiros/as, mergulladores/as, persoas que traballen ao enmalle, entre outros) tamén é posible establecer a relación causa efecto entre a realización do seu traballo e o desenvolvemento dunha enfermidade profesional.

Como solicitar o recoñecemento de enfermidade profesional?

O médico é quen determina se se trata dunha enfermidade profesional e comunícaa á Seguridade Social a través do sistema CEPROSS. Se o médico emite un parte por enfermidade común, terías que realizar unha serie de trámites, empezando por presentar unha solicitude de determinación de continxencia por IT (#ante a Seguridade Social ou o ISM) acompañada do parte de baixa e dun informe da empresa onde se describan as actividades da persoa traballadora.

Lembra que na nosa web temos un apartado con información sobre saúde laboral e unha plataforma de formación gratuíta con cursos sobre trastornos músculo-esqueléticos (TME), primeiros auxilios e prevención específica no sector pesqueiro, incluíndo módulos para diferentes artes de pesca.

Se precisas asesoría neste tema, podes contactar coa Asociación Mar Seguro de Galicia.

Compartir en...

Outras novas

Imagen de WhatsApp 2025-07-21 a las 09.57.34_a779f8ad

A segunda parte do proxecto Os Mares da Baixura conclúe con máis contidos sobre o sector pesqueiro e a formación da xente do mar.

A páxina web non só se actualizou esteticamente, senón que se revisou a súa información e se incorporaron outros contidos novos.
IMG-20250710-WA0012

“Como moitos outros oficios do sector primario, as redeiras temos un problema de relevo xeracional”

Falamos con dúas redeiras da Guarda sobre o seu oficio e a súa diversificación creando produtos de Artesanía de Galicia,
amarturmar-rut

“Podemos mostrar que é o marisqueo é unha cultura de vida, sostible e da que temos dereito a vivir”

Coñecemos máis sobre Amarturmar Turismo mariñeiro nesta entrevista con Nuria Novelle, actual presidenta da asociación, e Gloria Rivas, que asumirá o cargo nos próximos meses.
Imagen de WhatsApp 2025-04-21 a las 16.40.44_bddb3700

“Ao non haber outro posto na empresa que eu puidera realizar, a baixa por risco no embarazo é inmediata e do 100%”

Falamos coa percebeira Laura Lanzos, embarazada de 34 semanas e desfrutando da baixa por risco no embarazo.
Imagen de WhatsApp 2025-03-25 a las 16.30.41_27155e3c

“A clave do relevo xeracional na pesca está na mocidade que vén de familias mariñeiras”

Falamos con Daniel Costas e Eloy Martínez, no porto de Aldán, sobre a situación da pesca nas Rías Baixas.
XARDA

As liñas verticais están preparadas para a pesca da xarda

Estímase que os barcos da nosa provincia terán 442.000 quilos de xarda, sumando o excedente que non se pescou o ano pasado.