Blog
“Como moitos outros oficios do sector primario, as redeiras temos un problema de relevo xeracional”
Sara González e María Jesús González recíbennos na nave de Atalaia, a Asociación de Redeiras do Baixo Miño, na Guarda (Pontevedra). De xeracións diferentes, as dúas teñen unha fonda vinculación co mar e veñen de familias de mariñeiros e redeiras.
Nesta conversa falamos do oficio de redeira e da súa diversificación creando produtos de Artesanía de Galicia, que ao tempo son unha grande iniciativa de economía circular. Ademais de montar e reparar as do mar, estas mulleres tecen redes entre elas para apoiarse no traballo e defender os seus dereitos.
Para quen non coñeza o voso oficio… En que consiste o voso traballo e como cambiou co paso do tempo?
Sara: Nós montamos e reparamos redes de pesca. Antigamente as redes eran de fío e todas se reparaban, agora so se reparan certas artes e no noso caso reparamos as lampreeiras na época do río e o resto do ano montamos material de tanza.
Cal é a situación actual do oficio segundo a vosa experiencia?
María Jesús: Como moitos outros oficios do sector primario, ten un problema de relevo xeracional. Está moi envellecido. Normalmente en Galicia somos mulleres e a idade media é moi alta e estanse xa xubilando moitas. Non hai xente nova para relevalas porque é un traballo duro e non está ben pagado, a non ser que teña necesidade ou un vínculo especial co sector.
Como empezastes a traballar como redeiras?
Sara: A miña nai xa era redeira e entón de pequena xa empecei a axudarlle. En 2014, con 21 anos, empecei a traballar mentres estudaba.
María Jesús: Entrei na asociación tan pronto rematei o curso de formación impartido nesta zona a asociación Atalaia e que promoveu a Federación Galega de Redeiras. Moitas das que hoxe estamos aquí saímos dese curso e interesábanos traballar preto da casa e autoxestionar o noso tempo para poder dedicar tempo ás cargas familiares. Despois de obter o título fixémonos socias.
Que significa para vós ser redeiras?
Sara: A min gústame moito, é un oficio tradicional que se está perdendo. E non se debería de perder, pois é moi bonito, ademais de necesario porque sen redes os barcos non poden ir ao mar. Ten que haber relevo, precisamos redeiras. O que temos é que loitar para que sexa economicamente viable.
María Jesús: A Guarda é unha vila mariñeira, o noso vínculo co mar é moi importante. Forma parte do que somos.
Sara: Levamos as redes nas veas! (risas)
Que habilidades require este oficio que credes que non se recoñecen o suficiente?
Sara: É que o único traballo valorado é o que fan os homes. As redes que valoran son as de arrastre, que fan eles. O resto é un traballo moi manual, repetitivo, grandes pesos porque non teñen un peso regulado… nós movemos redes de 50 quilos e temos que facelo entre varias. Nós temos a sorte de estar na nave pero tamén hai compañeiras que traballan á intemperie… É un traballo bonito pero sacrificado e non está recoñecido.
Sentídesvos valoradas polo sector pesqueiro?
María Jesús: Quero pensar que hai conciencia de que as redeiras son necesarias, o que pasa é que temos moito intrusismo así como competencia desleal. Hai persoas que o fan como complemento, xa que non o entenden como medio de vida, e teñen prezos máis baixos. Non podemos competir coa xente que non está dada de alta. E isto tamén implica problemas de relevo xeracional. Así que o sector pesqueiro debería mirar o futuro a longo prazo. Se seguimos así, teremos que acudir a fábricas de China que traian o aparello cosido e que non sirvan para todos os mares nin dean o resultado que teñen que dar.

Máis aló do voso traballo tradicional, puxestes en marcha unha iniciativa de confección de accesorios a partir de redes. Un exemplo de, ademais de diversificación, de economía circular no sector. Cando e como xorde?
Sara: Xorde porque o noso traballo é inestable. Hai épocas de moito traballo e outras nas que non temos nada pero nós temos que manter esta nave igualmente. Desde a Consellería do Mar fixeron reunións con diferentes redeiras e propuxéronnos facer cursos de artesanía e pertencer á marca Artesanía de Galicia, pois ao ser redeiras temos o certificado. Coas mesmas técnicas que usamos nas redes, facemos obxectos de artesanía. No primeiro momento era impensable facer un bolso e agora xa estamos acostumadas. Miramos unha rede que chega para reciclar e xa temos na mente que podemos facer con ela. Outra forma de diversificar o traballo e os ingresos son as visitas ao taller para todos os públicos.
E tamén dades charlas para adolescentes e así descubran que pode haber unha saída laboral?l?
María Jesús: Desde a Federación estamos traballando coa Consellería de Educación para establecer un ciclo de FP no que se ensinen as redes pero outras habilidades necesarias como por exemplo as dixitais. Esta actividade transmitíase de pais a fillos pero agora para ser redeiro precisas unha vía oficial.
Volvendo ao tema… vendedes bolsos, colares, agullas… e todo co selo de Artesanía de Galicia. Foi doado chegar ata aquí?
Sara: Non, a verdade é que foi moi pouco a pouco. Queremos seguir mellorando, ter a páxina web para vender en liña e chegar a máis xente.

Cales son os produtos máis vendidos?
Sara: Bolsos, pulseiras, colgantes, pendentes… igual o que máis se vende son os colgantes. E tamén as agullas, réplicas das que usamos para traballar. Depende tamén moito da época.
María Jesús: Tamén colaboramos cunha deseñadora da zona. Ela fai os seus deseños e nós executamos partes das pezas. Como esta lámpada que estamos rematando. (ver foto)

E outra forma de diversificar o traballo é o turismo mariñeiro. Tamén é un recurso para vós?
María Jesús: O noso traballo principal son as redes si, tamén temos turismo mariñeiro e adoita ser a finais de primavera e verán. Colaboramos con certos operadores que nos traen grupos de xente, que queren coñecer o patrimonio cultural mariñeiro da zona. Por outro lado, estamos traballando nun proxecto co GALP para facer este traballo de xeito máis profesional, máis organizado e cun relato.
Tedes unhas redes sociais activas e atractivas. Isto axúdavos a chegar co voso traballo, tanto de montaxe de redes como de artesanía ao público xeral. Notades ese cariño ou interese de volta?
María Jesús: As redes sociais si que nos dan moita visibilidade. De feito, os medios de comunicación interésanse por nós e o público dáse conta de que as redes as fan mulleres. Sobre todo, notamos o recoñecemento de xente que non ten relación co sector. No propio sector, confío en que as xeracións máis novas nos valoren máis.
Hai uns meses creouse a Alianza de Rederas, neskatillas y empacadoras da Costa Atlántica Norte e Cantábrica. Que obxectivos perseguides con esa unión?
María Jesús: Traballamos de diferentes xeitos pero todas compartimos os mesmos obxectivos: querer estar na Lei de Pesca. Porque non somos extractoras e non estamos na lei pero cando hai un parón nos barcos, a nós tamén nos afecta. Imos para casa igual cós mariñeiros. Firmamos a alianza porque temos unhas necesidades específicas como redeiras e precisamos unirnos para ter máis forza reclamando os noso dereitos.

Para rematar, como xa dixestes, vedes con pesimismo o relevo xeracional. Credes que está en perigo a continuación do oficio?
Sara: Agora mesmo as compañeiras estanse xubilando e non hai un atractivo económico para as mozas. É un traballo duro pero se houbera recompensa en diñeiro, habería xente.
María Jesús: Parece que o que falamos é negativo pero non é todo así. É un oficio bonito, que te conecta co mar, cos oficios artesanais… e é un traballo que fixa poboación nas localidades. Tamén temos aspectos positivos, podemos conciliar, dispoñemos do noso tempo e apoiámonos unhas a outras.
Convídámoste a seguir o perfil de Instagram de Redeiras da 1Atalaia.