Blog
“O mar sempre foi parte da celebración do Nadal, con produtos que representan o mellor da nosa tradición e cultura”, David Fernández (Confraría San Xosé de Cangas)
Decembro está aquí e o Nadal ás portas. Pronto viviremos días de festas, comidas, encontros e familia. E nas casas galegas a compañía perfecta do turrón son os peixes e mariscos.
Achegámonos a Cangas para visitar a David Fernández Pérez, xerente e secretario da Confraría San Xosé de Cangas, e conversamos sobre a campaña de Nadal, que quixemos ter como tema principal na entrada de decembro deste blog.
Como se presenta a campaña de Nadal na confraría de Cangas?
Se tivera unha bóla de cristal non me dedicaría a este traballo (risas). Esperamos que sexa unha boa campaña de Nadal, con bos prezos e que o sector obteña aquilo que durante o ano non é capaz de conseguir. Nas nosas costas, o mar sempre foi parte da celebración do Nadal, con produtos que representan o mellor da nosa tradición e cultura.
Entón en principio boas previsións…
Estamos tendo cantidade de produto e agardamos que durante o mes de decembro se disparen os prezos. Desexamos que sexa unha boa campaña comparando con outros anos. Isto é o que esperamos pero é certo que dependemos doutros factores que non controlamos: toxina, temporais, folgas de transporte… ás veces pasan estas cousas precisamente cando peor sentan no colectivo, pois o sector pesqueiro gaña máis cartos nestes meses para compensar outros nos que a venda e a facturación é baixa.
Vivimos tempos complicados marcados polas guerras e, xa máis preto, a catástrofe da DINA en Valencia. Cres que o contexto pode afectar ao consumo neste Nadal?
Haberá zonas nas que afecte o consumo. Neste caso seguramente en Valencia e en sitios concretos. Non obstante, polo que vimos noutras épocas hai moitas casuísticas que cres que poden afectar e non o fan. Pensamos o mesmo cando foi a covid e ao mellor foi un dos mellores anos nas vendas de Nadal. Nestas datas ao final, dunha maneira ou doutra, todos consumimos e vai haber produto de peixe e marisco e o prezo revalorízase pola lei da oferta-demanda.
Nestes primeiros nove meses de ano houbo unha caída xeralizada das vendas en todas as confrarías, a recuperación en certo modo pasa por esta campaña, non si?
No primeiro semestre houbo unha redución de vendas en lonxa pero por moitos factores: mortandades de marisco, peches prolongados por toxina, moitos temporais de xaneiro a marzo… Xa nestes últimos foron repuntando as vendas e por iso esperamos que o Nadal compensen as perdas.
Que impacto esperades nas vendas para o sector?
O mellor posible durante todo o ano. A xente que estamos nas lonxas e confrarías queremos vender o seu produto ao mellor prezo posible para que teña un impacto positivo neles. Pero volvemos ao de antes, será a oferta-demanda o que marque eses prezos. Tamén quería destacar que non podemos fixarnos neses titulares de “vendeuse este marisco por 200 euros”. Ao mellor foi un só quilo. Nós o que queremos é que teñamos unha media anual alta. Iso é o importante. Non podemos depender do pico deses dous días. Desde a confraría procuramos unha estabilidade para as familias.
Levades a cabo algunha alianza con comercios ou restaurantes locais para promover o peixe e marisco durante as festas?
Non porque a xente xa sabe onde estamos. Hai unha historia que nos avala. Xa veñen directamente a este mercado, feito desde hai moitos anos. Tanto restaurantes como consumidores finais veñen á lonxa, temos unha clientela constante todo o ano. Os restaurantes e tendas locais confían en nós non só pola calidade do produto, senón pola nosa implicación en garantir un subministro sustentable e de proximidade.
Que está en temporada e cales adoitan ser os produtos capturados nas nosas costas máis demandados neste tempo?
Crustáceos como centola, nécora, camarón e percebe, bivalvos como ameixas e navalla, tamén ourizo. E despois peixe “fino”, ese que non se come a diario, como lenguado, robaliza, rodaballo, salmonete… son os máis demandados para as ceas de Nadal.
Ademais de materia prima directa do mar, tamén tedes as navallas en conserva das Illas Cíes en aceite de oliva. Como está sendo recibido este produto no mercado?
O proxecto cumpre agora un ano e desde a súa comercialización foi un produto de moito éxito. A aceptación da xente foi incrible. O stock da produción do ano pasado está case esgotado. Non somos unha conserveira e sacamos unha liña moi limitada. E iso que é un produto custoso pola calidade e prezo da materia prima, a elaboración, o traballo artesanal… mais ten moita aceptación en tendas gourmet e restaurantes Estrellas Michelin. O que si queremos deixar claro é que non podemos facer disto unha grande produción.
O feito de ser unha edición limitada tamén o pon en valor.
Está claro, pero neste caso a edición limitada faina o produto en si: o único que pode ir nesa lata é a navalla das Cíes. Tamén me gustaría destacar que marca de identidade da nosa confraría é a primeira venda, é dicir, a venda do produto descargado en porto. Nós accedemos a facer conserva cando o prezo de venda da navalla das Cíes baixa na lonxa. Isto tamén nos limita a facer grandes producións.
Estades traballando para sacar máis produtos similares?
Si, estamos nese camiño pero aínda non podo comentar de que se trata. Para que saian ao mercado temos que ter a garantía de que sexan produtos distintos e exclusivos. Tamén temos produción de navalla conxelada e exploramos novas vías para manter a calidade e sostibilidade que nos define.
Xa para despedirnos, a xente ha de saber que o Nadal é mellor cos produtos da Confraría de Cangas.
Desde a Confraría San Xosé de Cangas seguimos traballando para que o mellor do noso mar chegue a todas as mesas, co orgullo de saber que cada produto representa o esforzo de toda unha comunidade comprometida coa calidade e a tradición.