Blog
“Podemos mostrar que é o marisqueo é unha cultura de vida, sostible e da que temos dereito a vivir”
En 2019 nace Amarturmar, unha iniciativa de rutas de turismo mariñeiro con profesionais do sector pesqueiro e marisqueiro da enseada de San Simón en Redondela.
Falamos con Nuria Novelle, actual presidenta da asociación, e Gloria Rivas, que collerá o cargo nos próximos meses. A primeira, que comezou a súa vida laboral como administrativa, hai 16 anos que é mariscadora; a segunda, era delineante na construción e, tras quedar no paro, viu no mar unha saída profesional que agora non cambia por nada. As dúas compaxinan agora o seu traballo de mariscadoras con esta actividade divulgativa para poñer en valor os oficios do mar.

Sodes mariscadoras… e un día decidides crear Amarturmar. Cando e como xorde poñer en marcha este proxecto de turismo mariñeiro?
Nuria: Xorde despois de facer un curso en febreiro de 2019 do GALP sobre o turismo mariñeiro no marco de ‘Ponlle cara ao turismo’. Fomos un grupo de persoas da confraría de Redondela e coñecemos casos de éxito e a partir de aí decidimos facelo aquí. Era unha maneira de axudar ao sector, dando visibilidade e poñendo en valor.
Cales son os obxectivos do proxecto?
Gloria: Precisamente eses que comento: facer visible a profesión, intentar que as administracións vexan a problemática e incentivar á xente nova a traballar no sector. Tamén diversificar o traballo do marisqueo.
Que foi o máis difícil ao comezo?
Nuria: O máis difícil foi sentirnos capaces de poder facelo. Despois dese curso tivemos que facer varios máis e agora xa somos guías oficiais do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas. O tema de comunicar dábanos moito medo e pensabamos que non estabamos preparadas pero marcamos unha data para a primeira ruta e comezamos. A min axudoume moito o proxecto de Amarturmar no meu desenvolvemento persoal e na confianza de falar en público. Eu son unha persoa inquieta, gústame participar, estou no mundo asociativo… pero sentía vergonza. Con Amarturmar sentín un clic, de ter unha oportunidade de crear algo bonito.
Gloria: En realidade non é difícil, só transmitir o que ti fas. Ademais a xente cando vén pregunta e axuda moito, pois xa non precisas nin guión, porque ti sabes responder.
Nuria: Si, fixemos un curso con Mar das Illas, que tamén nos axudaron a escribir un guión para as rutas. Isto o que nos deu foi unha maneira de organizar o que dicir e logo cada unha xa o leva ao seu terreo. Son rutas vivas, con cousas básicas que si se teñen que contar, pero tamén hai oco á improvisación segundo o que atopemos no mar ou o que nos pasara o día anterior.
Gloria: Na última que fixemos con nenos e nenas, había limo. Entón, expliqueilles que non se podía cavar e que esas algas non se podían enterrar. E fomos xuntos a recollelas. Como lles digo eu, a limpeza da contorna tamén forma parte do traballo das mariscadoras.

É moi interesante a idea de que grazas a esta iniciativa notastes un crecemento persoal.
Nuria: É que ten que haber motivación e ilusión. Ademais do marisqueo a pé, tamén temos rutas de marisqueo a flote, que son moi demandadas. Son barquiños pequenos de sete ou oito persoas e permíteche ver como traballa o mariñeiro, ves a posta do sol no mar… unha marabilla. Para os mariñeiros tamén é un motivo de orgullo. E iso non o había no sector. Está ben sentirse valorado e ver que hai xente que se interese.
Ademais dunha labor divulgativa, como comentastes, tamén é unha forma de diversificar fontes de ingresos?
Nuria: Non son moitos ingresos pero si é unha maneira de diversificar o traballo. Pero o que máis nos custa é atopar compañeiras que queiran sumarse e nós o ano pasado xa non puidemos contratar máis rutas porque non tiñamos tempo. Atopar alguén como Gloria que entrou en 2022 foi unha salvación, un aire novo.
Que balance facedes destes anos de experiencia?
Nuria: Un balance moi bo. A xente aprende de nós e nós dela. Axúdannos a saber en que mellorar ou que gusta máis. Aínda que son tímida, tamén son curiosa e gústame escoitalos. Creamos un ambiente cómodo para que se animen a preguntar.
Gloria: Facendo estas rutas aprenden, non só sobre o noso traballo senón sobre ferramentas, artes de pesca…
Que tipos de público tedes?
Gloria: De cero a cen! (risas) Veñen desde escolas infantís ata o IMSERSO. Ademais, a xente maior pásao en grande.
Nuria: Logo tamén asociacións de veciñas e veciños e empresas. E de procedencia, tanto nacional como do estranxeiro. De feito, hai rutas para as que temos persoas tradutoras.
Como chegades aos turistas para que se animen a participar nestas actividades e rutas? Tanto turistas de fóra como a propia veciñanza do concello ou arredores.
Gloria: Funcionamos moito polo boca a boca, a verdade. Tamén difundimos folletos nos albergues para peregrinos.
Ao longo do ano programades as rutas do porto. Que se vai atopar a xente?
Gloria: Nas rutas do porto explicamos o que é a confraría, case todas as artes de pesca que usan os nosos mariñeiros, tipos de embarcacións, como se marisquea… é dicir, é un resumo das rutas pero en terra. Imos polo peirao e mostrámoslle as redes así como tamén temos miniaturas.
Nuria: Tamén lle fas un resumo do resto de rutas para que as descubran e elixan a que lle parece máis interesante.
También creo que ya tenéis alguna fecha para rutas de marisqueo a pie. ¿En qué consisten?
Gloria: Primeiro de todo, ofrecémoslle botas á xente. Falamos do furtivismo e do traballo da mariscadora, que non só é recoller a ameixa senón labores de limpeza. Tamén mostramos os distintos tipos de bivalvos que collemos, as tallas mínimas legais, o proceso, as etiquetas de trazabilidade… e despois baixamos á praia para pasar á parte práctica. Sobre todo se hai longueirón, encántalle ver como asoma pola area a todo o mundo, non só á cativada.
Dependendo da temporada, tamén faces rutas de pesca de diferentes especies. En maio foi a do choco. Cales veñen agora?
Nuria: O xeito, que se usa para a sardiña, o marisqueo a flote… dependemos moito da temporada. Por exemplo, o ano pasado apenas entrou na enseada e só fixemos dúas rutas. Nunca faremos unha ruta se sabemos que non hai exemplares. A da sardiña é moi vistosa, é nocturna.
Tedes algunha anécdota divertida destas rutas?
Nuria: O divertido é ver a ilusión da xente. A maioría quere probar a ser mariñeiro e ás veces levan sustos. Como mancharse coa tinta dos chocos.
Que lle diriades á xente para que se anime a participar nalgunha destas rutas?
Nuria: Que veñan probar. E que falen con nós. Sería unha pena que non a fagan por prexuízos. Poden escribirnos e resolvemos dúbidas. Tamén facemos tarxetas regalo, por certo.
Gloria: É un turismo de experiencia e aprendizaxe.
No marco do Festival Sinsal, celebrades andainas para darlle a coñecer ás participantes as artes de pesca e marisqueo da zona pero tamén concienciar sobre a sostibilidade do medio mariño. Como valorades esta iniciativa?
Nuria: Temos pendente artellar a colaboración deste ano. O estivemos facendo estes anos é unha ruta pola illa con diferentes paradas. Falamos do marisqueo a pé, do choco no bosque mariño… compartir coñecemento.
Como reflexión, que mensaxe che gustaría lanzar a quen aínda non coñece o turismo sostible?
Gloria: Que se animen a coñecer a contorna na que viven. Descubrir este mundo.
Nuria: Sabiamos que de Ourense para aló lles ía encantar pero é moi curioso o descoñecemento que hai entre a xente próxima.
Gloria: Pero é o que me pasaba a min, sendo de vila mariñeira como Boiro, non tiña nin idea. Ata que me fixen mariscadora.
Finalmente, cales son os retos que afrontades no futuro?
Nuria: O futuro no mar é negro. Pero desde hai uns anos estamos reafirmándonos máis na necesidade da iniciativa. De dicir: nós podemos mostrar que é unha cultura de vida, sostible e da que temos dereito a vivir.
Gloria: Cada vez somos menos socios nas confrarías. Ao mellor é o momento de compartir servizos entre nós porque… como imos mantelas? Se a inxección de cartos son os socios e cada vez somos menos.
Apetéceche facer unha ruta con Amartur?
Podes obter máis información a través da súa páxina de Facebook ou Instagram, na oficina de turismo de Redondela así como no correo electrónico amarturmar@gmail.com ou no teléfono 621 020 775. Ademais das rutas para público xeral con datas anunciadas, tamén teñen a opción de contratar rutas privadas, tarxetas regalo así como para actividades de convivencia para empresas.
