Blog

“O cambio climático xa empeza a ser un tema de pura observación no marisqueo a pé”

Na entrada do blog deste mes queremos achegarnos á situación da Confraría de Pescadores de Vigo e para iso falamos con Iago Soto García, patrón maior da confraría. Aos seus 48 anos, leva 11 anos dedicados ao marisqueo a pé. A súa vinculación co mar é de sempre xa que seu pai era mariño mercante e logo deu clase na Escola Náutico-Pesqueira, onde tamén traballaba súa nai. Non obstante, este licenciado en Bioloxía chegou ao seu oficio actual de casualidade, cando estaba no paro e un antigo compañeiro de clase lle falou da posibilidade. No mar viu unha saída profesional, á que agora anima sumarse para conseguir un relevo xeracional no sector pesqueiro.

Como describirías a situación actual do sector pesqueiro na ría de Vigo? E na confraría en concreto?
Vexo certa incerteza pero que é propia do sector extractivo, no que dependemos do medio natural. Mais que na ría de Vigo siga habendo marisqueo xa me parece un logro. O certo é que falta mellora nas infraestruturas.

Na confraría, dentro do que cabe, creo que a tendencia é boa. Hai unha década había tres traballadores, agora seis; a facturación vai aumentando… No último ano incrementamos a facturación nun 20% grazas a que abrimos a lonxa de Canido ao público e comezamos a vender especies que antes non ofreciamos: polbo, choco, centola…

Como confraría, representades os intereses da xente do sector. Como axudades ás persoas socias?
A axuda do noso día a día é ofrecer unha posibilidade de comercialización, como é a lonxa de Canido e a lonxa de mariscos do Berbés no caso dos bivalvos; dar asesoramento e apoiar as funcións da xestoría; xestionar información e axudas; así como a representación dos seus dereitos.

Que artes de pesca así como especies capturadas nos podemos atopar entre as vosas embarcacións?
A confraría está aberta a toda a xente do mar pero a flota de altura e bateeiras xa se organizan pola súa conta, polo que se desvinculan dela. Na confraría de Vigo, a flota do cerco continúa sendo moi importante polo tamaño dos barcos e de persoas socias. Non obstante, moitos dos barcos que traballan dentro da ría son de artes menores de pesca artesanal, sobre todo marisqueo a pé e a flote, ou recursos específicos, como son os “navalleiros” ou mergulladores. En canto a especies, temos navallas, ourizos, ameixa, centola, choco, polbo… e diferentes variedades de peixe, capturadas polos barcos máis pequenos. Logo está o cerco que se dedica á sardiña e ao xurelo. Pero como esta flota pertence tamén a outras entidades, non comercializamos os seus produtos.

A maioría destas embarcacións realizan a primeira venda na lonxa de Canido. Que produtos adoitan ser?
Non todas as embarcacións o fan. De feito, foi un dos problemas de comezar aquí coa lonxa. Moita xente xa tiña as súas vendas privadas no Berbés e o cambio parécelles arriscado. Algo totalmente comprensible. Pero, volvendo á pregunta, o produto principal da nosa lonxa é o polbo porque hai barcos que se dedican todo o ano á nasa de polbo. Ademais, é habitual a pesca da robaliza con liña, cunha tradición na zona de Cíes e Monteferro, e tamén hai centola, nécora e lura. Aínda que existe bastante variedade, unha das cousas a mellorar é ter outras capturas e maior cantidade.

Entón o polbo é o produto estrela!
Si, porque por número de barcos temos garantido que vai haber todo o ano, ademais de que o seu prezo non adoita oscilar moito.

Puxestes en marcha un sistema de venda directa para o consumidor a través da aplicación Whatsapp. Como xorde a idea e como está funcionando?
A idea xurdiu para darlle vida a este edificio, que era a infraestrutura principal da confraría aínda que non houbera nela venda ao público. Conseguimos rehabilitar a lonxa e queriamos darlle uso para que fose sostible para nós, que somos entidades sen ánimo de lucro. Cómpre destacar que obtivemos a axuda dos fondos GALP para este proxecto. Tras analizar o mercado, consideramos que non funcionaría unha web, senón que tiña que ser algo máis do día a día como o whatsapp. E está indo ben, a pesar de que é unha xestión complicada. Esa comunicación directa a través do móbil permíteche saber que produtos hai e achegarte aquí se che interesa a oferta ou encargar se non podes recollelo pola mañá.

Cal é o perfil de persoa compradora?
Os restaurantes son o principal cliente pero tamén temos público xeral da zona, concretamente xente xubilada e tamén relacionada co mar, que sabe traballar o peixe, pois nós aquí non temos servizo de peixaría.

Un obxectivo da confraría é achegar o mundo da pesca á xente. Que outras iniciativas existen ou tedes en proxecto?
Participamos no plan Marlimpo da Consellería do Mar, que consiste en facer limpeza de bancos marisqueiros, que a maioría das veces tamén son praias. Unha das cousas que destaco do marisqueo, ao que se lle critica moitas veces porque sería máis produtiva a acuicultura, é que permite un uso compartido e público. Esta campaña de limpeza implica as persoas traballadoras do marisqueo no coidado do litoral con tres obxectivos: a propia limpeza, crear conciencia no sector para coidar do que vives e mellorar a imaxe da pesca para a cidadanía. Non nos dedicamos só a sacar beneficio do mar, senón a coidalo.

Tamén tratamos de dicir que si a todas as tarefas que se dediquen á investigación. Por exemplo, xestionamos un pantalán en Bouzas onde colaboramos co Instituto de Investigacións Mariñas. Agora imos participar nun plan para facer seguimento do ourizo a través de cámaras e intelixencia artificial. Cremos que o feito de que se investigue no sector axuda ao seu desenvolvemento.

Falando de coidar o medio, que papel desenvolvedes en termos de sostibilidade?
Dáse por feito pero tamén é importante recordar que temos plans de xestión, que inclúen medidas como cotas de captura, vedas, tallas mínimas… Melloramos moito neste sentido. Cada mes temos que revisar os plans e enviar unha proposta á Administración. Creo que é un traballo que non chega ao público xeral e cómpre destacalo.

Como cres que afecta o cambio climático á zona?
É un feito, non só son artigos científicos. Xa empeza a ser un tema de pura observación. No marisqueo a pé é onde máis o observamos. Aquí mesmo, na enseada de Samil, hai un banco importante de ameixas para marisqueo a pé. Nos anos que levo, unha década, pasamos de poder ir unhas seis veces ao mes a ir como moito dúas ou case non ir por non poder chegar debido ás mareas. Xa notamos a subida do nivel do mar. Outro caso: un verán moi caloroso no que xa vimos que a ameixa estaba sufrindo e logo chegou o outono con borrasca tras borrasca, o que supuxo unha mortalidade do 40%. Son os efectos do cambio climático que dicían que ían ocorrer, xa están ocorrendo.

Hai iniciativas en marcha para reducir os residuos plásticos no mar?
Si, dentro do plan para limpar o mar que comentamos, tamén recollemos residuos da costa. Pero non serve de nada que nós fagamos isto se en terra continúa a contaminación. O exemplo máis claro é o das “toallitas”. As centolas xa se están mimetizando con elas e nunha das praias ás que fomos quitamos centos de quilos delas mesturadas coa area. Tamén hai industrias que verten refugallos ao mar. Hai que poñerlle freo.

Mirando ao futuro, que desafíos enfronte a confraría?
Na miña experiencia, podemos formular moitos retos pero logo veñen marcados. As problemáticas son moi xerais, desde o cambio climático ata os conflitos entre persoas. Dous desafíos moi claros son o relevo xeracional, que limita o desenvolvemento do sector, e a falta de planificación do marisqueo e da pesca. Finalmente, facendo un pouco de autocrítica, unha necesidade é que o sector se conciencie de que mariscar non é só colectar e ir para a casa.

Para rematar, cales son as expectativas a longo prazo?
Por unha parte, asentar a lonxa, con máis persoas compradoras e máis barcos que se sumen ao modelo, posto que o proxecto foi pensado para eles. Por outra, oxalá consigamos facer o sector máis atractivo para a xente nova. Parece o último recurso: “se non che gusta estudar ou traballar nunha fábrica, vas ao mar”. É unha inercia difícil de cambiar porque tamén ten unha imaxe de traballo duro.

Precisamente comentabas que atraer a mocidade era un desafío clave.
Si, unha vía que vexo para atraer a xente moza é facer visible ese traballo de coidado do medio ambiente que tamén ten a pesca. Parece que é un sector contrario á ecoloxía e para nada é así. Somos aliados. Outra idea é implicar a persoas xubiladas para facer titorías para as persoas que comecen.

Compartir en...

Outras novas

Imagen de WhatsApp 2025-07-21 a las 09.57.34_a779f8ad

A segunda parte do proxecto Os Mares da Baixura conclúe con máis contidos sobre o sector pesqueiro e a formación da xente do mar.

A páxina web non só se actualizou esteticamente, senón que se revisou a súa información e se incorporaron outros contidos novos.
IMG-20250710-WA0012

“Como moitos outros oficios do sector primario, as redeiras temos un problema de relevo xeracional”

Falamos con dúas redeiras da Guarda sobre o seu oficio e a súa diversificación creando produtos de Artesanía de Galicia,
amarturmar-rut

“Podemos mostrar que é o marisqueo é unha cultura de vida, sostible e da que temos dereito a vivir”

Coñecemos máis sobre Amarturmar Turismo mariñeiro nesta entrevista con Nuria Novelle, actual presidenta da asociación, e Gloria Rivas, que asumirá o cargo nos próximos meses.
IMG_20231016_105455

Saúde no mar: enfermidades profesionais do sector pesqueiro

Características e listado das enfermidades profesionais recoñecidas no mar e como solicitar o recoñecemento.
Imagen de WhatsApp 2025-04-21 a las 16.40.44_bddb3700

“Ao non haber outro posto na empresa que eu puidera realizar, a baixa por risco no embarazo é inmediata e do 100%”

Falamos coa percebeira Laura Lanzos, embarazada de 34 semanas e desfrutando da baixa por risco no embarazo.
Imagen de WhatsApp 2025-03-25 a las 16.30.41_27155e3c

“A clave do relevo xeracional na pesca está na mocidade que vén de familias mariñeiras”

Falamos con Daniel Costas e Eloy Martínez, no porto de Aldán, sobre a situación da pesca nas Rías Baixas.