Blog

“Ao non haber outro posto na empresa que eu puidera realizar, a baixa por risco no embarazo é inmediata e do 100%”

Laura Lanzos Casás non imaxinaba cando comezou a súa vida laboral que acabaría sendo percebeira. Despois de diferentes traballos temporais no sector da automoción, fábricas ou tendas de roupa, aos 31 anos decidiu probar na pesca con seu pai. Aos seus 42 anos, Laura está embarazada de 34 semanas e gozando da baixa por risco no embarazo. Falamos con esta mariscadora de Cangas para saber como afronta esta nova etapa da súa vida.

Primeiro de todo, felicidades por este futuro bebé! Es traballadora por conta allea, cóntanos como foi saber que estabas embarazada e como foi recibido na empresa.

Cando lle comentei a noticia ao meu xefe díxome que el estaba moi contento e que, salvo que eu quixese marchar, tería aí o traballo para min. Sempre me apoiou, de feito tamén o fixo o ano pasado cando tiven un aborto, e eu estou moi feliz no meu posto de traballo.

Sentiches medo por perder ingresos ou estabilidade?

O certo é que nestes últimos anos o percebe non está dando moito beneficio, non hai moito traballo. Teño unha boa cotización e as baixas por risco no embarazo son do 100%. Nun primeiro momento non sabía que era así e a verdade é que bastante ben. Tamén axuda saber que o teu xefe te apoia e que poderei estar de volta no traballo no futuro. Estar cobrando de baixa é unha tranquilidade.

Que te levou a dedicarte ao marisqueo?

No momento en que empecei a traballar con meu pai gustoume moito a pesca e o mar. Pero claro, os horarios eran moi complicados, desde as 3 da madrugada que estabas no pantalán ata unha hora de chegada incerta, podía ser ás 11 da mañá ou ás 3 da tarde. Isto era incompatible coa vida porque pasabas o día traballando ou descansando, non che daba o corpo para máis. Gustábame o mar aínda que os comezos foron complicados, ata que o corpo se adaptou. Despois de 6 anos, coñecín a unha persoa que me levou ao sector do percebe e a recolección da ameixa e encantoume. Desde novembro de 2021 teño unha praza dispoñible con Fernando Mariño e estou moi ben.

Como é un día normal no teu traballo?

Traballamos coa baixa mar sempre que cadre de día, nunca pasadas as 6 e media da tarde. Quedamos tres horas antes da baixamar na caseta, poñemos o neopreno e collemos os utensilios. Vas ata a zona de traballo e a comisión decide se o mar está apto para traballar e, de ser así, acordamos a cantidade de percebe a recoller por persoa e a zona limitada de traballo. Antes de chegar á lonxa, pasamos un control. Xa na lonxa seleccionamos o percebe por tamaños e vai á poxa. Logo preparamos o marisco para cada comprador.

Trátase dun traballo en condicións duras. Sabías antes de quedar embarazada que podías coller a prestación por risco durante o embarazo?

Sabía que había baixa por embarazo pero non que, ao non haber outro posto na empresa que eu puidera realizar, era unha baixa inmediata e do 100%.

Desde que semana estás de baixa e como foi o trámite?

Soliciteina tan pronto souben que estaba embarazada e levo de baixa case desde o minuto un. Paula, da Asociación de Mar Seguro, axudoume moito cos trámites. Na xestoría non tiñan moi ao día o tema das baixas por embarazo porque no sector da pesca non son moi comúns. Así que Paula facilitoume toda a documentación para entregar. Foi bastante rápido, só hai que esperar a quea solicitude vaia ao xuízo médico para que valoren as condicións de traballo (frío, inclemencias do tempo…) e que vexan que non hai outro posto.

Tamén collerás esta prestación durante a lactación natural? De ser o caso, claro.

Si, collerei todo o que me corresponda para estar co bebé.

Dalgún xeito, seguramente a túa vida laboral cambie ao ser nai. Como cres que conciliarás o traballo do mar coa crianza?

Non sei se a longo prazo é un traballo que poida manter, pero máis ben polas súas características, non por coidar do bebé. Conciliar non creo que sexa complicado. Entre que non se vai todos os días ao mar e que teño xente na casa que me pode axudar, en principio non me preocupa.

Que significa para ti ser percebeira?

O contacto co mar fascinoume desde o primeiro momento. É unha liberdade que se non traballas no mar é difícil de describir. Atopei un traballo onde me sinto feliz e respectada polos compañeiros.

Que mellorarías na situación laboral das percebeiras e mariscadoras en xeral?

Melloras nos traxes e nos equipos de protección. Logo, por suposto, o tema do furtivismo. Entre isto e o cambio climático, vivir do percebe estase facendo complicado.

Gustaríache que o teu fillo seguirá os teus pasos no mundo da pesca?

Gustaríame que traballase en algo co que se sinta realizado, non que seguise por ser unha tradición familiar, unha obrigación. A min o mar encántame, diríalle que é un traballo duro e que ás veces non vai recompensado co soldo. Mira, eu non sabía que ía acabar traballando no mar aos 31 anos. O que está claro é que o futuro do marisqueo é un pouco incerto, temos que coidar o mar.

Na nosa web podes atopar novo contido sobre a prestación por risco no embarazo e lactación: cando se pode solicitar, medidas que debe tomar a empresa e documentación precisa.

 

Compartir en...

Outras novas

Imagen de WhatsApp 2025-07-21 a las 09.57.34_a779f8ad

A segunda parte do proxecto Os Mares da Baixura conclúe con máis contidos sobre o sector pesqueiro e a formación da xente do mar.

A páxina web non só se actualizou esteticamente, senón que se revisou a súa información e se incorporaron outros contidos novos.
IMG-20250710-WA0012

“Como moitos outros oficios do sector primario, as redeiras temos un problema de relevo xeracional”

Falamos con dúas redeiras da Guarda sobre o seu oficio e a súa diversificación creando produtos de Artesanía de Galicia,
amarturmar-rut

“Podemos mostrar que é o marisqueo é unha cultura de vida, sostible e da que temos dereito a vivir”

Coñecemos máis sobre Amarturmar Turismo mariñeiro nesta entrevista con Nuria Novelle, actual presidenta da asociación, e Gloria Rivas, que asumirá o cargo nos próximos meses.
IMG_20231016_105455

Saúde no mar: enfermidades profesionais do sector pesqueiro

Características e listado das enfermidades profesionais recoñecidas no mar e como solicitar o recoñecemento.
Imagen de WhatsApp 2025-03-25 a las 16.30.41_27155e3c

“A clave do relevo xeracional na pesca está na mocidade que vén de familias mariñeiras”

Falamos con Daniel Costas e Eloy Martínez, no porto de Aldán, sobre a situación da pesca nas Rías Baixas.
XARDA

As liñas verticais están preparadas para a pesca da xarda

Estímase que os barcos da nosa provincia terán 442.000 quilos de xarda, sumando o excedente que non se pescou o ano pasado.