Blog
“A clave do relevo xeracional na pesca está na mocidade que vén de familias mariñeiras”
Hai relevo para a pesca en Galicia? Falamos con dous mozos mariñeiros de Aldán sobre a situación do sector pesqueiro nas Rías Baixas. Daniel Costas ten 34 anos e comezou con 17 anos a traballar no mar. Desde 2024 é propietario do barco que “herdou” do seu pai, xa xubilado. Eloy Martínez leva dedicado á pesca desde os 18 anos e agora, con 31, é empregado de Daniel. Os dous veñen de familias mariñeiras e son exemplo de xuventude nun sector envellecido, cunha media de idade que se sitúa entre os 50 e 70 anos. Desde Os Mares da Baixura tomámolos de referentes para mostrar que a pesca pode ser unha saída laboral.
Como decidistes seguir os pasos dos vosos pais e dedicarvos á pesca?
Daniel: Foi fácil, na miña familia son todos mariñeiros: tíos, avós… aínda que agora xa estean case todos xubilados. Fun directo para o mar!
Eloy: Eu igual, toda a familia mariñeira.
Que lembranzas tedes da relación dos vosos pais co mar? Interesábavos este mundo de cativos?
Daniel: Moi bos recordos, ata viñan contentos do traballo! Gustáballes o mar. Tamén é certo que antes se facían menos horas. Agora se queremos pescar o mesmo temos que estar máis horas. E para gañar menos… A min gustábame de pequeño e cando podía, despois das clases, escapaba con meu pai ao barco.
Eloy: Meus pais tiñan embarcación e gustáballes. A min chamábame a atención porque meus primos tamén comezaron no mar e cando eles xa comezaban a gañar cartos eu aínda tiña que estudar. E quería ir coma eles!

Houbo algún momento ou experiencia que marcara a vosa decisión?
Daniel: Sabía que o meu non eran os estudos e tiña claro que quería ser mariñeiro.
Eloy: Eu estaba entre o mar e a mecánica. Finalmente, seguín coa tradición familiar.
Que credes que significa para a vosa familia que sigades coa tradición da pesca?
Daniel: Supoño que eles, por un lado, estarán contentos porque se segue a tradición de pais a fillos. Tamén saben que malo sexa que non vaia sacando un xornal. É un traballo no que es ti o xefe e decides que días vas ao mar e cales non, esa liberdade tamén vale moito.
Eloy: Na miña familia están orgullosos pero é certo que querían que estudase para patrón de altura ou cociñeiro.
Que valores ou aprendizaxes vos transmitiron sobre esta profesión?
Daniel: Compañeirismo sobre todo. Porque no medio do mar non sabes a axuda que che vai facer falta. Igual lle dis unha mala palabra a un compañeiro e ao día seguinte ten que rescatarte.
Eloy: Humildade e esforzo.
Como credes que está cambiando a pesca con respecto á época dos vosos pais?
Daniel: As capturas van a menos. Non sabemos se é polo cambio climático, igual lle afecta demasiado ese grao máis da auga, mais o certo é que non se ve tanto peixe coma antes.
Considerades que a pesca segue sendo unha opción atractiva para a mocidade?
Daniel: Non é atractiva porque a xente nova de hoxe en día intenta ter un horario fixo, de luns a venres, de mañás… e un soldo fixo. E desfrutar. Que me parece xenial, claro. Aquí sabes a que hora marchas do porto pero non á que vas chegar. Aínda que gañaran o dobre, non queren.
Eloy: Eu creo que irán ao mar os que veñen de familias mariñeiras. Aí estará a clave do relevo xeracional. É un oficio complicado porque ás veces traballas pouco e gañas moito e outras ao revés. Tes que acostumarte a gardar dunhas para outras.
A idade media dos pescadores sitúase entre os 50 e 70 anos, o que evidencia unha escasa incorporación de novas xeracións no sector. Credes que hai axudas ou políticas de apoio pensadas para fomentar o relevo xeracional? Credes que hai axudas ou políticas de apoio pensadas para fomentar o relevo xeracional?
Daniel: Axudas cero, impostos moitos. Moita xente non quere facerse cargo de barcos porque hai que pasar radiobalizas, balsa, chalecos, salvavidas… empezas a sumar gastos e faise demasiado. Hai anos que falaban de financiar a metade da Seguridade Social e iso si que sería unha boa axuda.
Que retos afrontan os mozos e mozas, ou calquera persoa, á hora de comezar no sector pesqueiro?
Daniel: Se non es de familia mariñeira é moi complicado. Primeiro, porque fas un gran investimento. Segundo, porque tes que ter moitos beneficios para amortizar iso. Hai que pescar moito para que compense e o primeiro ano seguramente non se consegue porque cómpre coñecer o mar e saber onde están os bancos de pesca. Iso adquírese con tempo e experiencia.
Se puideras cambiar algo no sector ou traballo, que sería?
Daniel: Hai moitas leis que se poderían cambiar (ri). Hai moita nasa no mar, quizais poría máis tempo de veda para o polbo. Non podo opinar porque non traballo con iso pero desde fóra é o que vexo.
Eloy: Ampliación das cotas. Por exemplo, as cotas ridículas como a de cinco quilos de abadexo. Porque cando hai mal tempo xa non o pescas.
Daniel: O que non pode ser é que, coma este ano, a día 3 ou 4 de xaneiro pechen a pesca de raia mosaico. Aquí nas Rías Baixas, tanto Vigo como Pontevedra, só hai raia mosaico. Que pasa? Fan unha media de España e, como no 90% do territorio non hai, “pagamos nós o pato”. Pero son redes de enmalle e van capturala igual. Nós non o podemos traer a terra pero ese peixe está morto… Non ten sentido. Déixanche cinco quilos diarios pero que fago se capturo un exemplar de sete quilos? Non podo porque me multan. Co abadexo pasa o mesmo. Colles dúas caixas de abadexo, que non é nada, son uns doce quilos, e vas con medo para terra porque se te paran vas preso. Unha opción podería ser poñer unha cota anual.
O mar é duro. Pero que cousas boas o compensan?
Daniel: Cada día é diferente. Non é un traballo de oficina. .
Eloy: Si, penso o mesmo.
Que esperas transmitir ás próximas xeracións?
Daniel: Eu teño dúas nenas. Se quixeran dedicarse ao sector, transmitiríalles o meu amor polo mar e os valores. Pero véxoo moi complicado para o futuro, aquí nuns 20 anos xa non queda nada. Quedarán cinco barcos artesanais. Falamos antes da media de idade, esa xente maior ten barcos e ninguén os quere comprar. Vas un día a mirar no porto de Cangas e non ves a ninguén de menos de 40 anos.
Credes que a idea que se transmitiu sempre de que é un traballo moi duro bota para atrás? Cando un soldador tamén traballa en condicións duras e si atrae, por exemplo.
Eloy: Creo que a diferenza sigue sendo, como diciamos, as horas. Teñen esas horas concretas e se hai máis, páganchas. Aquí iso dependerá das capturas.
Daniel: De albanel, por exemplo, estás traballando polo soldo. Aquí hai incerteza, non se equivalen as horas co gañado.
Que dirías a outros mozos e mozas para animalos a valorar esa saída profesional?
Daniel: Diríalles que proben durante un mes como mariñeiros e se lles gusta… para adiante! Antes mostrei un futuro pesimista pero, precisamente por iso, se quedan menos barcos, seguramente se poderá sacar un bo soldo.

Os Mares de Baixura é un proxecto que pretende contribuír ao desenvolvemento do sector, contando cunha plataforma de formación onde se poden facer cursos gratuítos e co portal “Emprégate no mar”.